13 de dez. de 2010

Xabier Macías: "30 anos de autonomía e sen pleno dereito a falar galego"

Marga Tojo (Galicia Hoxe)-. Segundo afirma, "hai varios axentes detrás do interese por derrubar o galego, como a extrema dereita, en casos fomentada pola FAES" • E, para logralo, o primeiro foi "inventar a imposición".


Os glotófagos non distinguen o órgano do resultado da súa función, e xa que logo devoran linguas -as linguas dos outros seres humanos, non as súas proprias, madia leva-. Así o escribiu un día Xosé Manuel Beiras, bautizando a aqueles que exercen a gráfica acción sociolingüística da "glotofaxia", que lle regalou ao mundo Louis-Jean Calvet.

Coa inxesta de linguas no ultracapitalismo acontece como coa comida, téndese á obesidade e até se deglute sen fame. Mentres redactaba o seu libro sobre a morte dos idiomas, o lingüista David Crystal dicía: "Cando remate, terán desaparecido seis linguas". Non son só aquelas que "se extinguen" polo falecemento dos seus últimos falantes, se é que tal cousa existe. "Detrás dunha lingua pequena sempre hai unha boca grande", acelerada polas correntes uniformizadoras, que avogan polas culturas dominantes.

Que acontece en Galiza? Para o director da Fundación Galiza Sempre, Xabier Macías, "hai varios axentes detrás do interese por derrubar o galego. A extrema dereita, nalgúns casos fomentada pola fundacións FAES, alimenta posicións xenófobas e ultraliberais, contrarias aos dereitos sociais". Macías, que conversou con este xornal despois da mesa "Vivirmos na propia lingua: Un dereito dos pobos", dentro do Foro Mundial de Educación 2010 que se celebra en Santiago de Compostela, asegura que lle resulta "lamentábel que un goberno que teoricamente está para defender os intereses do seu pobo se dedique xustamente ao contrario": "Paréceme que é un escándalo que a estas alturas, co fráxiles que son os chanzos que se subiron no recoñecemento do galego, se fagan políticas de destrución. Xa pasaron moitos anos de autonomía e aínda non está plenamente recoñecido o dereito a falar en galego.Todo pobo ten dereito a vivir na súa propia lingua e é o deber da das institucións defendela como unha das expresións máis xenuínas das culturas".

Segundo Macías, a estratexia en Galiza, foi inventar que existía unha imposición. Aconteceu durante o goberno bipartito como resposta á promoción da cultura galega e á defensa da lexislación lingüística vixente, "o que non ten nada que ver con que despois na súa casa ou a título individual cadaquén fale o que considere oportuno", puntualiza.

E que fai a sociedade galega? Ao seu entender, "está a comezar unha rebeldía cidadá, que non quere tragar con esta farsa. A mobilización é abundante, e de feito na mesa que tivemos hoxe (por onte) no Foro, puidéronse ver diversas experiencias de defensa do galego desde distintas metodoloxías e puntos de vista, desde o social até o profesional, o académico, o literario, etc. Falouse desde a coherente negativa de Agustín Fernández Paz a recibir o premio por parte de Premio da Cultura Galega das Letras 2010, até como a sociedade galega está a reaccionar contra esta política lingüística e, como dixeron os de GalegoLab, é o momento de facer accións concretas. Falaron os de Queremos Galego e lembraban que hai cerca de entidades agrupadas nesta organización. A reivindicación do galego e a crítica da política da Xunta é moito maior do que parece e a política non pode ficar impune".

E é que "a glotofaxia -en opinión de Beiras- é un crime etnocida".

Nenhum comentário:

Postar um comentário