Radio Fusión-. O Foro 2010 é un gran contedor de eventos en torno á educación e á cultura da paz que terán lugar en Santiago durante todo o mes de decembro. Unha xuntanza de Alto Nivel, varios congresos internacionais académicos e o Foro Mundial da Educación, son algunhas das actividades que se celebrarán.
Manoel Santos, membro de Altermundo, é membro do Comité organizador do Foro e responsable de Comunicación do mesmo.
En relación á participación do Foro, Santos apunta que “están representados case todos os continentes” e que as delegacións con maior asistencia serán a de Colombia, Brasil e México. Ademais do esforzo e as achegas das administracións, indica que “hai unha parte importante que achegan os movementos e institucións sociais, pagando as taxas de inscrición”. Segundo el, “sen o voluntariado non habería Foro”, polo que salienta o seu labor, e non destaca ningunha actividade por riba das outras, xa que “ningunha actividade é mais importante que outra”.
Cando se lle pregunta polo Congreso Internacional sobre o Dereito Humano á paz, Santos sostén que “o dereito humano á paz resumiría toda a carta de dereitos humanos”. Na súa opinión se a paz fose un dereito humano, tal e como pretende o este Congreso, moitos países o violarían. Asemade, considera importante que a sociedade civil “sexa quen de desenvolver os seus propios procesos alén das institucións, gobernos e demais” e que “os foros visualizan que “hai moito mais do que nos venden os medios”. Anima a toda a sociedade a que visite as actividades deste Foro 2010, un evento único na historia de Europa.
Nenhum comentário:
Postar um comentário