4 de dez. de 2010

África para os africanos… ou deixade África en paz!

Ricardo Martínez, Director de Casa África
Manoel Santos-. A xuntanza de Alto Nivel sobre Cultura de Paz do Foro 2010 reuniu na Fundación Araguaney a representantes das Casas Árabe, de América e de África para falaren dos camiños da paz e do diálogo. O director xeral da Casa África realizou un demoledor e clarividente discurso no que cuestionou que “occidente” teña por intención real rescatar a África. "Se cadra non queren", dixo.

Son pontes culturais, vereas que debecen por camiñar cara o entendemento, portas abertas a unha necesaria alianza de civilizacións. As “Casas” son entidades públicas rexidas por consorcios, nos que o Ministerio de Asuntos Exteriores pesa máis ca outros, e cuxa misión pretende facilitar o entendemento, derrubar os falsos estereotipos e combatir as informacións terxiversadas que existen ao redor doutras culturas e doutros xeitos de vivir. Ao cabo, son instrumentos creados para practicar unha necesaria diplomacia informal, que como dixo Ricardo Martínez, o Director Xeral da Casa África, precisa da sociedade civil para gañar a loita contra os moitos, demasiados, desencontros que existen no planeta humano.

Moderada por Manuela Mesa, Presidenta de AIPAZ, a Casa de América foi a encargada, por medio da súa Directora de Programación Julia Escobar, de explicar os obxectivos dunhas entidades tan descoñecidas como necesarias. A Casa de América, que foi creada a raíz do segundo Cumio Iberoamericano en 1992, ten sede no Pazo Linares de Madrid, onde desenvolve o seu traballo de contactar o máis posíbel o continente americano, dende Canadá á Patagonia, co Estado español. Basea a súa función administrativa nunha programación cultural, na que o chamado Ateneo Americano serve de escaparate artístico, e unha programación política centrada na Tribuna Americana, que aborda cuestións como o xénero, as migracións, a mocidade, o diálogo coa sociedade civil, o indixenismo.

Unha función similar, pero un chisco máis complicada pola "distancia mental" que existe entre o noso mundo e o seu, desenvolve a Casa Árabe, cuxa directora, Cristina Pensado, é galega. O mundo árabe e musulmán ocupan neste principio do século XXI un lugar central nas relacións internacionais e, segundo un diagnóstico amplamente compartido, o seu futuro é vital para a estabilidade global. Trátase dunha extensa rexión que representa unha parte moi importante, tanto cuantitativa como cualitativamente, da humanidade e que amorea importantes valores, tanto simbólicos como xeopolíticos e económicos.

Con sede compartida entre Madrid e Córdoba, a Casa Árabe desenvolve tamén un completo programa cultural e artístico, organiza palestras, mesas e conferencias, promove publicacións e mesmo conta con 400 alumnos de lingua árabe. Para Cristina Pensado, que defende o enfoque contemporáneo da Casa, a clave para entedermos o mundo árabe e islámico está sobre todo no achegamento á mocidade, xaora que o 60% da poboación destes países ten menos de 20 anos.

África no corazón

Se as anteditas palestrantes centraron as súas intervencións en dar a coñecer as súas Casas, cousa xa de por si loábel, Ricardo Martínez, o director xeral da Casa África, foi moito máis aló e sorprendeu cun extraordinario e abraiante discurso, tan crítico como intelixente, que se é o que impera na programación da Casa emprazada nas Canarias –na parte africana de España, dixo– de seguro logrará inserir cada día en máis xente a necesidade de loitar pola xustiza para o continente máis antigo e rico do planeta.

Para Ricardo Martínez, a Casa África quere erixirse en portavoz de África e os africanos no Estado español, sobre todo se temos en conta as ridículas, inexactas, estereotipadas e as mais das veces inexistentes informacións que os medios de comunicación fan sobre África. “África é o berce da humanidade, un continente no que conviven máis de 1.200 culturas e no que en proporción as guerras e os conflitos son testimonais, mais existen. Porén, quen as provoca? Quen quere un cambio para África e quen non? Porque África non ten representación estábel en ningún organismo internacional cando representa o 28% dos países de Nacións Unidas?”. Pregunta tras pregunta, conciencia tras conciencia, o director de Casa África foi captando a atención do público. Ou o sentimento de culpa.

As tres lacras de África

Ricardo explicou como África era o continente perfecto até que sufriu tres lacras históricas. A primeira foi a escravitude, da que dixo que “non é un tema resolto aínda. Aquí si que temos a obriga de recuperar a memoria histórica e pagar unha débeda incalculábel”.

A segunda lacra que sufriu foi o colonialismo, que desprezou as súas persoas e expoliou os seus recursos. “Primeiro as persoas e despois os recursos”, remarcou. E aínda así foi quen de se liberar. De feito este ano celebramos, ademais coincidindo co desenvolvemento do Foro 2010, mais cun sorprendente silencio, esquecemento ou desinterese no Norte desenvolvido, o 50 aniversario da independencia de moitos países africanos.

“O 14 de decembro de 1960 dictábase a resolución 1514 (XV), algo así como a carta magna da descolonización, que recoñecía o dereito á autodeterminación e independencia, un proceso case rematado se non fose polo caso do Sáhara Occidental”, recalcou Martínez. Porén, “démoslles o dereito á independencia, mais boicoteamos –daquela e hoxe tamén– o dereito á Unión”, facendo alusión aos moitos intentos de crear un proceso de unidade intracontinental, como a Unión de Estados Africanos creda por Kwame Nkrumah en 1958, a Organización para a Unidade Africana de 1963, a Comunidade Económica Africana fundada en 1981 ou a Unión Africana de hoxe. “Nkrumah dicía que só a conca do río Congo, cos medios técnicos adecuados, podería alimentar a 3.000 millóns de persoas, a metade da poboación mundial”, lembrounos Ricardo, que tamén se referiu a moitos líderes africanos históricos.

E logo chegou a terceira gran lacra, o neocolonialismo, a globalización, o sometemento dos 1.000 millóns de persoas máis pobres do planeta aos ditados do Mercado. “África é 100 veces Europa, 3 veces China, mais non ten voz, non está presente en ningunha estrutura de poder internacional”. E nin sequera está no sistema monetario internacional, continuou, de aí que nunha primeira etapa non lle afectase demasiado a crise financeira, malia que nunha segunda etapa si lle está a afectar moito, pois perdeu o 40% das remesas dos emigrantes, que son vitais, e a axuda ao desenvolvemento reduciuse en moitísimos países. “Si podemos cambiar o tétrico destino de África, pero, queremos? Hoxe os mercados e a cobiza están a fomentar a balcanización de moitos lugares de África, aqueles que teñen máis recursos naturais, lugares como o Congo, cunha guerra de máis de 6 millóns de mortos que a ninguén interesou nin interesa parar”. E seguiu, “Quen se beneficia do Estado fallido de Somalia? Por que pescamos aló sen pagar un canon a ninguén? África para os africanos si, pero estamos dispostos a deixarlles?”.

Sociedade civil mobilizada

O director de casa África fixo o primeiro discurso realmente integrado no que representa realmente un evento cuxa razón de ser é o Foro Mundial de Educación e o Foro Social Mundial, un espazo oposto ao neoliberalismo e á dominación do mundo polo capital. Mais só levamos dous días. Non mencionou culpábeis directos, pero tampouco deixou ningún sen alusión indirecta. “Os medios de comunicación fálannos agora do perigo dunha nova guerra en Costa de Marfil, e é certo, pero non falan da esperanza xurdida nos últimos meses en Burkina Faso, en Guinea Conacri, mesmo en Sudán, en Madagascar… por nomear lugares nos que houbo eleccións recentemente. Non son os propietarios deses medios as grandes corporacións, moitas con xigantescos intereses económicos en África?”. “Hai moita esperanza en África. Na Conferencia de Berlín convocada por Otto von Bismarck en 1884 para repartirse África non acertaron nin cunha soa fronteira… e aínda así a regra xeral en África é que conviven”.

“Nin as empresas, nin os gobernos nin as estruturas internacionais son quen de solucionar nada. Non respectan aos africanos e ás africanas e tampouco lles deixan facer. Precisamos a mobilización da sociedade civil, precisamos argallar os métodos para mobilizármonos máis e mellor cada día por África, iso é o que queremos facer en Casa África” e lembrou que en febreiro do ano vindeiro celebrarase o Foro Social Mundial en Dakar, unha boa oportunidade. E unha gran lección.


Nenhum comentário:

Postar um comentário