13 de dez. de 2010

Por que un foro social mundial?

Manoel Santos-. Dende o venres pasado 10 de decembro, e até o día 13, estase a desenvolver no Campus Norte da Universidade de Santiago o primeiro Foro Mundial de Educación (FME) temático -sobre cultura de paz- que se desenvolve na historia de Europa e na historia do proceso global do Foro Social Mundial (FSM), que vén de cumprir unha década dende que agromara en Porto Alegre en 2001.


Unhas mil persoas participan deste proceso -porque se participa "del", non "nel"- que se en algo acertou de cheo na súa aínda breve andaina foi no lema: un outro mundo é posíbel. Ou un mundo feito de moitos mundos, como dixera o subcomandante Marcos cando, aló polo 1996, nas montañas do sueste mexicano nacera unha fronte global contra o neoliberalismo.

Moacir Gadotti, director do Instituto Paulo Freire en São Paulo, e que nos acompaña estes días na Galiza, explícao ben: "O FME, coa mesma perspectiva que o FSM, sostense con dous piares básicos: a construción dunha alternativa ao proxecto político-pedagóxico neoliberal e o pluralismo de ideas, métodos e concepcións. É un espazo plural, non confesional, non gobernamental e non partidario, autoxestionado, fundamentado nunha cultura de paz e de sustentabilidade. O piar da diversidade dos foros fundaméntase nun principio ético-político de respecto ao tempo de cada un, de cada unha, de cada cultura, de cada civilización. Necesitamos respectar o tempo de cada cultura, de cada pobo, de cada proceso. Non hai un único camiño. Non hai un só mundo posíbel. Hai moitos mundos posíbeis". Ogallá leran isto os que están a facer da vella Europa unha fortaleza cada día máis excluente.

Conviría que valorásemos acaidamente a importancia -e a dificultade- de que este imprescindíbel apéndice do FSM, definido por Ignacio Ramonet como "parlamento dos cidadáns da terra", trate de abrirse camiño na mesma cerna do mundo neoliberal, neste hostil anaco de planeta humano no que o capital diñeiro conquistou todos os espazos do capital humano, no que a mercantilización foi quen de derrubar a humanización e no que o individualismo e o consumo forman un exército aniquilador de todo cando signifique sociedade, comunidade, entendemento e, ao cabo, paz.

Malia que son moitos os que teiman en afirmar que o FSM está esgotado como proceso de procura de alternativas ao mundo do capital, que se cadra foi quen de "lexislar" mais non de "executar", este segue a se espallar aos poucos, tratando de mudar mentalidades e metodoloxías, de facer visíbel o invisíbel, removendo conciencias e tecendo redes de resistencia contra o suicidio colectivo que supón o dominio do mundo polo capital.

O Foro é aínda moi novo e loita contra un vello e poderoso monstro, que mesmo en crise rexorde para reclamar a súa hexemonía. Porén, como proceso innovador e liberador segue a camiñar, a sumar efectivos, a mellorar métodos e a sumar outros mundos.

Nestes días que falamos de paz, a batalla continúa, pois o único xeito de salvarmos o planeta e a humanidade é que a sociedade civil gañe a guerra contra a sociedade mercantil. Seguimos na procura.

Nenhum comentário:

Postar um comentário