8 de dez. de 2010

O medioambiente e a Muller centran a atención do segundo plenario sobre Información e Dereitos Humanos

Jessica Mouzo.- Un encontro online -vía skype- co reitor da Universidade Nacional Aberta e a Distancia de Colombia (UNAD), Jaime Alberto Leal Afanador, e as comparecencias maxistrais de persoeiros da talla da profesora titular da cátedra da UNESCO de Educación Ambiental e Desenvolvemento Sustentable, María Novo, da directora do CEIPAZ, Manuela Mesa, e do responsable do departamento de Biblioteconomía e Documentación da Universidad Carlos III, Miguel Ángel Maral, construiron a segunda sesión plenaria do Congreso Internacional de Información e Dereitos Humanos que tivo lugar esta mañá na Facultade de Xornalismo de Santiago.


Logo de comezar con un chisco de retraso por problemas técnicos e informáticos e das desculpas pertinentes por parte de Luis Acebal,  moderador do acto, arrancou un encontro no que a educación, a alfabetización da información, o medioambiente e a muller foron os eixos temáticos en torno ós que xirou a conferencia.

Maria Novo iniciou a súa intervención deixando caer unha pequena crítica á posición actual do Dereito ó medioambiente, coñecido como un dereito de terceira xeración, isto é: un dereito que os gobernos deben promover –que non proveer- por tratarse duns elementos colectivos concedidos para o pobo e que afectan a bens xurídicos de todos.

A poñente declarou que os países occidentais estamos a “trazar unha pisada ecolóxica” sobre os territorios do sur, xa que “collemos máis do que damos” - España conta, segundo ela, cunha pisada ecolóxica dun 200%-. E é por isto que se fala dunha “deuda ecolóxica” dos países do norte para cos do sur.

Todo isto, trae como consecuencia o que a poñente dou en chamar as “lóxicas perversas das máquinas e dos beneficios inmediatos”. Segundo Novo, esa forma de pensar “reduccionista e mecánica” ignora as “interdependencias entre todo o vivo” e a “irreversibilidade” dalgúns fenómenos da vida. 

Así pois, a profesora avogou por propor en consideración a idea da “pertinencia” –non só en termos económicos, senón tamén en termos ecolóxicos, sociais e éticos- en detrimento da “eficiencia económica”, co fin último de acadar que a lóxica da vida “se ensanche e se difunda” en favor dun desenvolvemento harmónico e sostible.

Pola súa parte, Jaime Alberto Leal Fanador, encargouse de tratar o tema da educación a través dunha videoconferencia. Nela expuso o traballo que está levando a cabo a UNAD de Colombia a prol dunha reducción das inequidades características das relacións sociais vixentes en Latinoamérica e o Caribe –sobre todo en educación, saúde e vivenda–, así como tamén falou da labor de reforzar o compromiso  social da Educación Superior para a súa contribución ó desenvolvemento humano sostible, á equidade, á inclusión social, ós dereitos humanos e á cultura de paz.

Baixo o “principio magno” da solidariedade, o poñente explicou que esta universidade traballa para erradicar o que eles chaman “as trampas da pobreza”, un círculo vicioso no que se encerra un gran número de familias en Sudamérica e que lle impide escapar da indixencia e da pobreza á que están sometidas.

Miguel Ángel Marzal adicouse a reflectir as trabas e a importancia de potenciar a alfabetización na información para evitar ese “consumo pasivo” da mesma e axudar a aumentar e difundir a interación dos elementos. Para iso, o profesor da Carlos III respaldou unha serie de medidas como a “inclusión dixital” –transformar as ferramentas en instrumentos-, a defensa do fomento da alteridade mediante o pluralismo cultural e a interculturalidade ou a máxima de “fundamentar e non só opinar”.

A directora de CEIPAZ, Manuela Mesa, foi a encargada de concluir a sesión plenaria cunha pequena homenaxe ó papel da muller dentro da loita polo dereito á información. A través do libro 1325 mujeres tejiendo la paz, Mesa paseou pola historia para traer ó recordo as figuras de Concepción Arenal, Estela Barnes de Carlotto, Lydia Cacho ou Anna Politkóskaya entre outras, como recoñecemento a súa labor en favor dos dereitos humanos.

Nenhum comentário:

Postar um comentário