9 de dez de 2010

Comeza en Compostela a conta atrás para a firma da Declaración de Santiago

Ramón Estévez-. Federico Mayor Zaragoza: “Debemos tender a man, non alzala, debemos pasar dunha humanidade sometida a unha humanidade liberada”.

Durante estas datas, estamos vivindo en Compostela unhas xornadas históricas que quedarán nas retinas de tódolos asistentes ó Foro 2010, e neste caso, máis concretamente, ó Congreso de Dereito Humano á Paz, que comezaba esta mañá na facultade de ciencias da comunicación, co obxetivo de aprobar mañá, na súa clausura, a Declaración de Santiago, na que se recolle o dereito inalienable a unha paz xusta, sostible e duradeira para tódalas persoas, os grupos e os pobos da terra. Dita declaración será presentada ó Consello de Nacións Unidas e ó seu comité Asesor, como base para que elabore unha declaración de Dereito humano á Paz, que poda ser utilizada pola ONU e polos estados membros. Ó mesmo tempo, o Congreso prevee a aprobación dos Estatutos para a creación do Observatorio internacional de Dereito Humano á Paz, estamento encargado de velar pola aplicación e a promoción dos puntos desprendidos de dita Declaración.

O acto de inauguración, ante un expectante auditorio, contou coa participación de diversas autoridades. Baixo a presidencia do Doctor Theodor Van Boven, profesor emérito da Universidade de Maastricht, antigo director da división de dereitos humanos de Nacións Unidas, e antigo relator especial sobre a cuestión da tortura, comezou esta inauguración na que os asistentes tiveron a oportunidade de escoitar a Federico Mayor Zaragoza, presidente da Fundación cultura de Paz, que falou arredor da importancia do dereito humano á paz nun momento no que se relaciona a paz mundial coa seguridade, dous conceptos contradictorios nos que só o dereito á paz mundial é coherente coa Carta de Nacións Unidas. O exdirector xeral da UNESCO, rematou concluíndo que si non hai paz, non hai dereitos, polo que animou á sociedade civil a liberarse, a demostrar o poder que temos como cidadáns.

Ademais, tamén tomaron a palabra diversas personalidades dos ámbitos político e académico entre as que destacan: Noemí Martín, consejera de bienestar social y vivienda, do Principado de Asturias, Iñigo Lamarca, defensor del Pueblo do País Vasco), Douglas James Roche, (expresidente do comité de desarme de Nacións Unidas), Adolfo Pérez Esquivel (Premio Nobel da Paz), e Carlos Villán Durán, presidente da Asociación Española para o Dereito Internacional dos dereitos humanos, que á súa vez é unha das entidades organizadoras deste Congreso.

A firma desta Declaración non pretende só quedarse nun papel, senón que mediante o Observatorio Internacional de Dereito Humano Á paz, pretende facer un control da súa aplicación. Ademais, será firmada precisamente o día Internacional dos Dereitos Humanos, que será celebrado mañá no marco do último día do Congreso.

Posteriormente, tivo lugar o primeiro plenario, presidido por Meter Weiss, vicepresidente do Centro de Dereitos constitucionais (EEUU), que versou arredor do longo camiño que houbo que percorrer dende a Declaración de Luarca, redactada por expertos e representantes da sociedade civil, e revisada nas posteriores declaracións de Bilbao e Barcelona. Por último, o director da Campaña Mundial David Fernández Puyana e Carmelo Faleh Pérez, Secretario Xeral da aEDIDH, destacaron os dous obxetivos que tiñan marcados, como eran a difusión do texto e a introducción do Dereito Humano á Paz no programa do consello de Dereitos Humanos.

Xa pola tarde, tivo lugar o traballo en comisións, nas que o proxecto de declaración universal de Dereito Humano á Paz e o Observatorio Internacional do Dereito Humano á Paz, son os eixos vertebradores.

Nenhum comentário:

Postar um comentário