1 de dez de 2010

Preséntase oficialmente o Foro 2010 Compostela, que terá lugar na capital galega durante o mes de decembro

Ania Piñeiro, Manoel Santos e Manuel Dios
O secretario coordinador do Foro 2010 e presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, Manuel Dios Diz, presentou, esta mañá, na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago, as actividades e eventos que acolle o Foro 2010 Compostela, un encontro promovido pola ONG que dirixe e a Fundación Cultura de Paz, e entendido como un contedor de eventos e actividades a nivel mundial que xiran arredor da Cultura da Paz e que conta, ademais, co auspicio das Nacións Unidas e da Unesco entre outras organizacións internacionais. O evento máis salientábel será un Foro Mundial de Educación a celebrar entre 0 10 e 13 de decembro cun milleiro de participantes e más de 160 actividades.

Baixo o lendario refrán de Ghandi, “non hai camiños para a paz, a paz é o camiño”, a organización conta cun ambicioso programa con máis de 150 actividades ás que acudirán grandes persoeiros do panorama político, social e cultural de diversas partes do mundo. Dende o famoso xuíz, Baltasar Garzón, até a presidenta do Parlamento Panafricano, Gertrude Mongella, e pasando por numerosas autoridades gubernamentais de dentro e fóra das nosas fronteiras, pasaran por un encontro sen precedentes en Galicia.

Da man do presidente da Comisión Organizadora do Foro 2010 e director da Fundación Cultura de Paz, Federico Mayor Zaragoza, comezouse a traballar, dende o 2008, nun gran proxecto en favor da cultura de paz. Aproveitando o final da Década da Cultura de Paz e a Non Violencia para todos os nenos e nenas do mundo, proclamada pola ONU no 2001, e co gallo do vixésimo quinto aniversario do Seminario Galego de Educación para a Paz, un comité de organización no que participan máis de setenta entidades de todo o Estado e Portugal decidiu celebrar na capital galega entre macro encontro a prol da paz mundial.

Así, o Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia acollerá, o tres de decembro, o acto inaugural do Foro 2010 Compostela, que arrancará coa actuación musical da galega Susana Seivane e continuará coa intervención do ex director da UNESCO, Federico Mayor Zaragoza. O acto oficial, de carácter institucional, contará tamén coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Antón Sánchez Bugallo, e o reitor da USC, Juan Casares Long, entre outros.

O inicio das actividades correrá a cargo da Xuntanza de Alto Nivel das Nacións Unidas sobre a Alianza de Civilizacións, o 4 de decembro na sede da Fundación Araguaney. Dentro deste congreso, a conferencia “Mayors for peace” contará con edís de varias cidades españolas que forman parte da Rede Internacional de Alcaldes pola paz, - entre eles, o de San Sebastián, Odón Elorza, o de Tolosa, Jokin Bildarratz, ou o de Córdoba, Andrés Ocaña, e que dialogarán acerca do papel das urbes na construción da convivencia e da paz. O acto clausurarase coa intervención do ex-director da UNESCO, Federico Mayor Zaragoza que, coa colaboración do coñecido xuíz, Baltasar Garzón Leal, parlamentarán nunha conferencia sobre os “Camiños da xustiza”.

O FORO 2010 tamén acollerá outros congresos como o de Información e Dereitos Humanos, o de Dereito Humano á paz e o de Memoria de guerra, reconciliación e cultura de paz.

Ademais, durante o 10, 11, 12 e 13 de decembro, terá lugar o evento que se configura como o corazón de todo o encontro: O Foro Mundial de Educación, un movemento pola cidadanía planetaria e polo dereito universal á educación que se celebra, por primeira vez na historia, en Europa. Neste contexto, organizaranse máis de 150 actividades autoxestionadas e arredor de 25 experiencias educativas que achegarán ós participantes a un diálogo constante co fin de promover a cultura de paz no mundo.

Asimesmo, ó longo de todo o mes de decembro, tamén se desenvolverán outras actividades culturais paralelas con espazos expositivos de pintura e fotografía por toda a cidade.

O Foro 2010 conta, a día de hoxe, con preto de mil inscricións previas de persoas de máis de corenta países diferentes e arredor dun cento de voluntarios colaborarán activamente nos traballos de organización e colaboración durante o tempo que dure o encontro.

Nenhum comentário:

Postar um comentário