13 de dez. de 2010

ONU: en reformas

Emma Fernández-. O pasado día 10 de decembro tivo lugar a inauguración do Foro Mundial de Educación, Investigación, Cultura e Paz. Unha axenda completísima que permitiu a todo aquel que estivese inscrito nel disfrutar dunha intensa fin de semana repleta de actividades de todo tipo. 

Ás 6 e media da tarde, ó salón de Graos de Filoloxía púidose achegar todo aquel interesado nos plans de reforma nas Nacións Unidas. Baixo o título “A reforma das Nacións Unidas a partir do artellamento dunha alianza da sociedades civil global” comezou a xornada de debate. E é que o foro UBUNTU leva apostando por unha reforma e revisión do órgano dende hai anos. 

Con Manuel Manonelles –director de cultura e paz- representando o foro UBUNTU, comezou esta conferencia que contou coa presenza de persoeiros relacionados de forma directa con esta temática. Por unha banda, Francisco Vallverdú abriu o coloquio como representante da Campaña Mundial pola Educación e un Xosé Manuel Beiras igual de combativo que sempre continuou a charla como representante da Fundación Galiza Sempre. Por último, o encargado de pechar esta xornada foi Peter Weiss, da LCNP (Lawer’s Cometee of Nuclear Policy), presidente da Asociación Internacional de avogados contra as armas nucleares.

A campaña que UBUNTU puxo en marcha, pretende reformar os fundamentos e principios das Nacións Unidas. Segundo apuntou Manuel Manonelles, a estrutura que amosa este órgano deixou de responder á realidade xeopolítica de hoxe en día. Un dos seus principais retos segue a ser como conseguir aumentar o impacto político derivado da interacción entre un organismo intergubernamental e os axentes non estatais. Para iso levan tratando de exercer a máxima presión posible sobre o sistema político e de alianzas.

A datos históricos remitimos ó ver  que dende a creación das Nacións Unidas, en 1945, só houbo que esperar ata 1946 para que aparecesen as primeiras propostas de reforma. Dende UBUNTU teñen un plan.” É mester unha concienciación global de reforma” sinalou Manonelles. Pero para iso tamén afirma que é necesaria unha rearticulación do sistema que conceda a necesaria capacidade de mobilización.
A continuación, Francisco Vallverdú, dende a campaña mundial pola educación, realizou un discurso a prol do dereito intrínseco que deberían ter tódolos nenos para acceder a unha educación gratuíta e de calidade. 

“A cifra supera os 75 millóns de nenos” 
Cerca de 75 millóns de nenos hoxe en día seguen sen acceso á escolarizacion en pleno siglo XXI e sobre 774 millóns de persoas son analfabetas a día de hoxe. A pesar de que a educación comezase por fin a aparecer en axendas e obxectivos a nivel nacional e se levasen a cabo avances non menos importantes (aumento da taxa de escolarización) dende a Campaña Mundial pola Educación lanzan unha chamada a favor da eliminación da disparidade de xénero, alfabetización e unha ensinanza e docentes de maior calidade confiando nunha clave: sensibilización (dende a educación para a cidadanía) e mobilización.

O coloquio foi retomado por Xosé Manuel Beiras, quen focalizou a súa intervención en tres puntos: as claves da crise da ONU, a análise das propostas do foro UBUNTU e a perspectiva das nacións sen estado fronte as Nacións Unidas. 

En primeiro lugar, “esta crise non é máis que a proxección da crise sistémica que comezou hai 30 anos sobre a superestrutura mundial”, apuntou. É por isto que o representante da Fundación Galiza Sempre aposta por unha completa reconstrución e deseño das Nacións Unidas baseada na rexeneración e reformulación do sistema. Para iso considera necesario democratizar a toma de decisións e asignarlle o control efectivo sobre outras organizacións (FMI, OMC...).

“As nacións sen Estado deben poder ser tamén suxeitos políticos teñan ou non polo proceso histórico correspondente  o nome de nación ou pobo”
Xosé Manuel Beiras cree necesaria a previa democratización do goberno para poder democratizar as institucións e organizacións. Sempre coa fin de conseguir unha nova arquitectura do sistema que lle permita ter representación a aquelas “nacións sen estado”.

Por último, o encargado de pechar a sesión foi Peter Weiss quen recoñeceu que, a pesar das dificultades dunha reconstrución das Nacións Unidas, non estaba todo perdido. Criticou en primeira instancia a posibilidade de reelección dos secretarios xerais, ós que tachou por non tomar decisións suficientemente duras co fin de saír reelixidos en próximos comicios. En segundo lugar, deixou unha porta aberta á esperanza dicindo que as posiblidades da sociedade civil de influír nas decisións das Nacións Unidas son ilimitadas mais que outros factores, como o dereito de veto dalgúns países, permanecerán inamobibles durante moito tempo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário