3 de dez. de 2010

"Ningún movemento loita por cambiar realmente o sistema educativo"

Marga Tojo (Galicia Hoxe)-. A paz non figura como dereito humano, algo que Compostela tentará mudar durante este mes • Santos destaca o FME como celme do evento.

Se, como di o director de Altermundo Manoel Santos, a guerra é economía, o mundo está definitivamente en guerra. Pero, como apostilaban ao respecto Os Resentidos, "hai que reflexionar". E para iso nada mellor que un foro social de alcance internacional. E se, como é o caso, decide construírse ao pé da nosa casa, deberiamos, como mínimo, asomarnos ao que acontece e evitar que fique en papel mollado.

Hoxe arrinca en Santiago de Compostela o Foro Mundial de Cultura de Paz 2010 (http://www.foro2010.org), "un gran contedor de eventos e actividades que xiran ao redor do tema" e que se alongará até o 30 de decembro. Trátase dun evento sen precedentes en Europa que escolleu Galiza para idear novos horizontes e comprobar se o espazo que se creou hai unha década como auténtico parlamento dos cidadáns do mundo segue a ser un lugar fecundo. Ademais, desde Santiago, impulsarase a inclusión dunha ausencia desacougante: a da paz como dereito humano na Declaración Universal de 1948.

Santos é o responsábel de comunicación e programación do Foro.

A paz significa para vostede máis ca un conflito armado?
A primeira guerra do ser humano é a economía. A primeira guerra que ten hoxe o mundo é a guerra que se emprende co capitalismo, unha guerra contra o planeta, que implica perda de biodiversidade, cambio climático. E é tamén unha guerra contra a humanidade, con millóns de poboacións desprazadas, guerras por recursos naturais co sur para que nós vivamos ben....A consecuencia da guerra económica, ás veces hai conflitos bélicos.

A prensa convencional xera violencia, é partícipe desa guerra?
Penso que si, sobre todo os grandes medios corporativos. A prensa perdeu moito do carácter de contrapoder, de estar a carón da sociedade civil para ver o que lle pasa, o que conta, e na maioría dos casos está aliñada cos poderes políticos e, sobre todo, económicos. A prensa máis influente son grandes empresas. E ten moitísimo poder.

O Foro Mundial de Cultura de Paz 2010 arrinca mañá cunha reunión de alto nivel. Que é o que se vai cocer aí?
Pois hai catro boas mesas de diálogo que culminan nunha especie de man a man entre Federico Mayor Zaragoza e Baltasar Garzón baixo o título "Para unha cultura de paz, camiños de xusticia", pode ser unha xuntanza moi interesante.

E que lle parece máis interesante de toda a macroprogramación que contén o evento?
Sen dúbida o Foro Mundial de Educación -do 10 ao 13 de decembro-. Isto do que falamos agora, da xuntanza de alto nivel, do acto de inauguración que ten lugar hoxe, é como unha dimensión institucional, pero se cadra é a menor. Logo hai unha dimensión académica, de congresos pechados, que contan cun comité científico que deseña unhas mesas e unhas ponencias. O Foro é moi interesante porque é un proceso case autoxerido, diferente. Son centos de organizacións que veñen propondo actividades desde o mes de marzo. Presentáronse até 180 e finalmente quedaron en 120, logo dun período de fusións, pero o proceso é da sociedade civil, non institucional, aínda que tamén hai universidades e outras entidades, pero a elaboración e a metodoloxía non ten nada que ver co modo pechado dun congreso. No Foro Mundial de Educación hai algúns días até vinte e oito actividades simultáneas, de moitos formatos diferentes, cunha gran riqueza.

Que move un Foro Social de Educación?
Pois é como a rama educativa do Foro Social Mundial. Cando hai dez anos naceu o Foro Social Mundial, unha serie de xente, moita vencellada ao Instituto Paulo Freire, sobre todo de São Paulo, consideraron que o proceso político civil do FSM, un proceso sen un obxectivo definido pero cun inimigo claro, o neoliberalismo, non se pode entender sen a súa dimensión pedagóxica. O primeiro Foro Mundial de Educación fíxose no 2001 en Porto Alegre. Só temos 10 anos.

Vaise abordar, daquela, por fin, o nefasto, o alienante -ese adxectivo vintage-, do sistema educativo, e propor e fomentar alternativas de interese?
Hai actividades dese tipo, pero non estou seguro de que se vaia indagar a fondo. 

Non haberá que miralo aos ollos para decatarse de que tal vez é o mesmo inimigo contra o que pretende loitar o FSM? 
É certo que custou moito implantar un sistema educativo para a maioría como o que temos aquí e que iso é algo dificilmente desprezábel, pero o modelo para un sector non desprezábel de cidadáns, de rapaces e de adultos, fracasou.

O Foro Mundial de Educación ten de feito a mesma carta de principios que o Foro Social Mundial, de loita contra o neoliberalismo e de procura de alternativas á globalización. Un Foro non ten corpo, non fai manifestos, é un espazo para que todo o mundo comparta, intercambie, pense e artelle alternativas..., pero non é unha nova organización. Os protagonistas son as organizacións da sociedade civil que toman partido nel, as organizacións sociais, e a xente que participa no Foro, de modo que a decisión é de toda esa xente. Eu non creo, de todosos xeitos, que en xeral se estea a loitar demasiado nese sentido. Hai moitas cousas sobre novas experiencias de formación profesional, modelos e métodos de educación para a cidadanía universal..., pero unha loita civil, e global, por desmercantilizar a educación non a hai. Non houbo loitas civís polo proceso de Boloña nin as hai case por nada. As organizacións sociais seguramente están moi metidas nas súas parcelas, pero a visión global da educación é bastante terrorífica, incluso se nos fixamos só na terminoloxía, oferta, crédito...

En definitiva, non existe un movemento que traballe por cambiar a educación.
Nos aspectos globais creo que non, aínda que si en cousas concretas. A cousa é diferente en América Latina. Nos dous Foros que estiven aló recentemente proclamábase o dereito humano á educación, algo que aquí temos garantido, porque temos educación pública. Pero que educación? Que discursos lles estamos inculcando aos rapaces? Que lle estamos a entregar á sociedade? Porque a educación tamén é educación social. A nosa educación é ultracapitalista e non creo que exista un movemento civil serio. 

Ademais, un dos principais dereitos que promociona a Unesco é o da educación continuada, o da formación na vida adulta. Ese dereito estase a incumprir, o periplo educativo é absolutamente ríxido. Iso nunca se di. Na política trabállase moito en grandes termos. Na educación trabállase máis desde abaixo, a través de experiencias, propostas... pero igual o FME non foi capaz de lograr un altofalante como o do FSM para a cuestión política para esa materia que vostede formula. Despois esa educación libre, emancipadora e de balde, tampouco se sabe se fracasaría en póla en marcha. Igual que o dereito á educación non formal. Ese último punto é especialmente pouco tratado e, non obstante, é básico. Neste foro, por exemplo, hai pouca presenza de educación non formal, de feito. Se cadra se tendeu máis a temas vencellados coa paz, o desenvolvemento do Milenio... Pero os resultados seguro que son moi interesantes.

Nenhum comentário:

Postar um comentário