8 de dez. de 2010

Conclúe o Congreso Internacional de Información e Dereitos Humanos do Foro 2010 cun chamamento ó dereito a saber

O embaixador de política de Dereitos Humanos en Suíza, Paul Koller, foi uns dos poñentes nos plenarios de hoxe sobre a liberdade de expresión nos medios de comunicación. • Federico Mayor Zaragoza cerrou o devandito congreso cunha conferencia maxistral no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación.


Dous plenarios sobre Información e Dereitos Humanos e unha conferencia titulada Boas prácticas en Información, Educación e Dereitos Humanos puxeron punto e final ó primeiro dos tres congresos que se celebrarán no marco do Foro 2010 Compostela en Santiago.

A Facultade de Ciencias da Comunicación acolleu, unha vez máis, unha mesa plenaria sobre Información, Educación e Dereitos Humanos na que interviron o reitor da Universidade Nacional Aberta e a Distancia de Colombia (UNAD), Jaime Alberto Leal Afanador, - a través de videoconferencia-; a profesora titular da cátedra da UNESCO de Educación Ambiental e Desenvolvemento Sustentable, María Novo; a directora do CEIPAZ, Manuela Mesa; e o responsable do departamento de Biblioteconomía e Documentación da Universidad Carlos III, Miguel Ángel Maral.

Moderados por un membro da directiva de APDHE, Luis Acebal, os poñentes fixeron xirar as súas intervencións en torno a catro eixos temáticos: a educación, a alfabetización da información, o medioambiente e a muller.

María Novo declarou que os países occidentais estamos a “trazar unha pisada ecolóxica” sobre os territorios do sur, xa que “collemos máis do que damos” - España conta, segundo ela, cunha pisada ecolóxica dun 200%-. E é por isto que se fala dunha “deuda ecolóxica” dos países do norte para cos do sur.

Todo isto, trae como consecuencia o que a poñente dou en chamar as “lóxicas perversas das máquinas e dos beneficios inmediatos”. Segundo Novo, esa forma de pensar “reduccionista e mecánica” ignora as “interdependencias entre todo o vivo” e a “irreversibilidade” dalgúns fenómenos da vida.

Jaime Alberto Leal Fanador, encargouse de tratar o tema da educación a través dunha videoconferencia. Nela expuso o traballo que está levando a cabo a UNAD de Colombia a prol dunha reducción das inequidades características das relacións sociais vixentes en Latinoamérica e o Caribe –sobre todo en educación, saúde e vivenda¬-, así como tamén falou da labor de reforzar o compromiso social da Educación Superior para a súa contribución ó desenvolvemento humano sostible, á equidade, á inclusión social, ós dereitos humanos e á cultura de paz.

Miguel Ángel Marzal adicouse a reflectir as trabas e a importancia de potenciar a alfabetización na información para evitar ese “consumo pasivo” da mesma e axudar a aumentar e difundir a interación dos elementos. Para iso, o profesor da Carlos III respaldou unha serie de medidas como a “inclusión dixital” –transformar as ferramentas en instrumentos-, a defensa do fomento da alteridade mediante o pluralismo cultural e a interculturalidade ou a máxima de “fundamentar e non só opinar”.

A directora de CEIPAZ, Manuela Mesa, foi a encargada de concluir a sesión plenaria cunha pequena homenaxe ó papel da muller dentro da loita polo dereito á información. A través do libro 1325 mujeres tejiendo la paz, Mesa paseou pola historia para traer ó recordo as figuras de Concepción Arenal, Estela Barnes de Carlotto, Lydia Cacho ou Anna Politkóskaya entre outras, como recoñecemento a súa labor en favor dos dereitos humanos.

Logo destas conferencias, tivo lugar a última das mesas plenarias, que contaba coa visita do embaixador de política de Dereitos Humanos en Suíza, Paul Koller, entre outras personalidades. Koller defendeu a necesidade de ter “ideas e medios plurales” e aludiu á existencia de “ameazas máis graves”, como a ocultación que xorde ó configurar unha axenda de medios na que toda a prensa fala do mesmo e ó mesmo tempo.

Nese plenario, tentouse soster, dende distintos puntos de vista, o dereito do ser humano a saber, a informar e a ser informado. Do mesmo xeito, tamén debe ter dereito a esixir honestidade, veracidade e responsabilidade por parte dos profesionais e dos medios de comunicación que controlan as informacións que chegan ós cidadáns.

A mañá rematou coa conferencia de Boas prácticas en Información, Educación e Dereitos Humanos, na que se falou da relación entre a educación e a comunicación, así como tamén das ferramentas dos medios para alcanzar unha certa conversión social.

Pola tarde, o ex-director xeral da UNESCO pechaba o Congreso Internacional de Información e Dereitos Humanos cunha intervención maxistral que daría paso ás conclusións dos grupos de traballo que realizaron onte as súas actividades.

Nenhum comentário:

Postar um comentário