7 de dez. de 2010

Comeza na facultade de Ciencias da comunicación, o primeiro dos 3 congresos académicos que conforman O Foro 2010 Compostela

Ramón Estévez-. Gertrude Mongela, Presidenta do Parlamento Panafricano, inaugurou a conferencia falando arredor da necesidade que teñen os medios de utilizar a información como ferramenta e non como arma.

A facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, foi o escenario elixido para a celebración do Congreso de Información e Dereitos Humanos, que foi inaugurado por José Raúl Vaquero Pulido, Presidente da Fundación ciencias da Documentación, Manuel Dios Diz, Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz e secretario coordinador do Foro 2010, Gertrude Mongela, Presidenta do Parlamento Panafricano, Margarita Ledo, catedrática na facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Pereira Fariña, decano da facultade e Germán Galeano Gil, Dirección Xeral de Política Educativa, Consellería de Educación da Xunta de Estremadura. Todos coincidiron na necesidade que teñen os medios de cambiar as súas dinámicas informativas, por unha información máis de servizo público totalmente oposta á que se practica na actualidade, unha información que responde mmáis a criterios mercantilistas de grandes corporacións mediáticas.

Trala inauguración, tivo lugar a conferencia de apertura, a cargo de Gertrude Mongela. Nada en Tanzania, é unha muller que tivo que loitar contra moitas adversidades para chegar ó que é actualmente. Política, feminista, educadora e Presidenta do Parlamento Panafricano, é unha carta de presentación que non nos debe deixar indiferentes. Falar da situación da muller en África non é doado, xa que a violencia de xénero e as humillacións son unha constante polo que Mongella fai un chamamento ós homes para que se unan ás mulleres pola igualdade. As mulleres estiveron ó lado dos homes para aboli-la escravitude, libera-los países do colonialismo, desmantela-lo Apartheid e logra-la paz. Por iso, a presidenta do Parlamento Panafricano pide un esforzo ós homes para que agora, estean ó lado das mulleres nun momento tan crucial como este.

Outro factor relevante neste e outros sentidos son os medios de comunicación, uns medios que segundo Mongela, deben dar un cambio de rumbo que lles permita utiliza-la información como ferramenta e non como arma. Este é o cuarto poder, polo que debe proporcionar á sociedade unha información responsable e veraz, alonxada do sensacionalismo e da desinformación. Así falaba, desde a perspectiva africana, onde queda moito por mellorar a nivel socioeconómico, pero habería que preguntarse cal é realmente o Estado do Benestar, o dos países industrializados, no que temos máis do que realmente precisamos, ou o dos países subdesenvolvidos ou en vías de desenvolvemento, que realmente necesitan o que teñen e en moitos casos son capaces de vivir felices co mínimo posible. Se escoitamos a Gertrude Mongella, podemos darnos conta das moitas cousas que quedan por cambiar, a nivel económico, social e político, nuns países que na mayoría dos casos teñen moita riqueza, e que por non saber explotala ou por estar controlados polos países industrializados non poden saír adiante.

Trala conferencia inaugural, tivo lugar o primeiro plenario que xiraba arredor de 3 aspectos como son o Dereito a unha información pública como xerador dunha sociedade que viva en consonancia cos dereitos humanos, a transparencia como loita contra a corrupción e as tecnoloxías da información ó servizo dos dereitos humanos.

Xa pola tarde, tocaránse os temas de Información contra a manipulación, información, educación, e dereitos humanos e o dereito de acceso á información pública.

Así rematará a primeira xornada do primeiro dos 3 congresos académicos que conforman a gran batería de actividades do Foro 2010, que congrega en Compostela a persoas de tódolos rincóns do mundo global no que vivimos, potenciado polas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) temática tratada amplamente nestas xornadas.

Nenhum comentário:

Postar um comentário