4 de dez. de 2010

Federico Mayor Zaragoza: "Dentro de cinco anos o mundo virará dun xeito espectacular, caerá a ditadura dos ricos"

Marga Tojo (Galicia Hoxe)-. Impulsor do Foro Mundial que até o día 30 se celebra en Compostela, asegura que "iso do G7, G8, G20, é un invento para someter os países menos prósperos, e ten que rematar". Considera que as investigacións do xuíz Garzón sobre a memoria histórica son "absolutamente imprescindíbeis". Hoxe ás 19.00 h. terá un vis-à-vis con el no Araguaney.

De súpeto, resulta tan profético como o calendario Maya que asegura que a final do 2012 todo mudará. Se non for porque o optimista Federico Mayor Zaragoza é un dos individuos máis sensatos do planeta o seu vaticinio caería na cesta dos escepticismos. O que anuncia o ex director xeral da Unesco, presidente da Fundación para unha cultura de paz e copresidente do Grupo de Alto Nivel para a Alianza de Civilizacións, é a esperada caída do sistema capitalista, que, calcula, se producirá en cinco anos ou, como moito, en dez. A política do mercado, que viviu no 2008 unha oportunidade histórica de extinción, até que os gobernos decidiron reflotala con fondos públicos, derrubarase nun futuro próximo por imperativo cidadán. "Pasaremos de súbditos silenciosos e obedientes a insurxentes", expresa con convicción Mayor Zaragoza, un dos impulsores do Foro Mundial da Cultura de Paz que desde onte e até o día 30 de decembro se celebra en Santiago de Compostela.

Acuciada a viabilidade de todas as actividades do evento internacional pola folga dos controladores aéreos, hoxe está previsto que se celebre unha reunión de alto nivel na que participará o ex director xeral da Unesco e, ás 19.00 horas un vis-à-vis entre o entrevistado e o xuíz Baltasar Garzón. Será no Araguaney, con entrada libre até encher aforo.

Como vai ser ese cara a cara co xuíz Baltasar Garzón, que camiños, segundo vostede, debe tomar a xustiza para formar parte da cultura de paz?

Desde hai séculos dise que non hai paz sen xustiza. Progresivamente o poder, sempre masculino, hai que subliñar isto, foi rexeitando os principios democráticos, de xustiza, de igualdade, de solidariedade, e substituíndoos, nestas últimas décadas, polo mercado. Á vista do inmenso desastre que foi substituír os falores, a ética, polas pautas do mescado, agora é máis necesario que nunca volver pór de manifesto que a xustiza é absolutamente imprescindíbel. E, como non, formando parte desta xustiza, a memoria histórica. Porque para poder evoluír temos que saber o que pasou e para saber o que pasou temos que permitir que se desenvolva unha visión retrospectiva fidedigna e así lograr os elementos válidos necesarios para un novo deseño de futuro.

Cal é a súa postura respecto das investigacións impulsadas por Garzón sobre a memoria histórica?

Parécenme absolutamente imprescindíbeis. Houbo un bando que tivo a posibilidade de realizar todas as súas investigacións durante trinta e cinco anos e agora lle corresponde ao outro bando. Xa non hai ningunha acción que poida ser considerada como vingativa ou punitiva, pasaron tantos anos que isto xa ten unha orientación moi diferente. Trátase de ollar cara a atrás co propósito de poder encarar o futuro dunha maneira nova. Apoio totalmente e de maneira absoluta non só o que o xuíz Baltasar Garzón dixo respecto da nosa memoria histórica, senón tamén os importantes pasos que deu para fortalecer a xustiza universal. Hoxe o planeta é interdependente, todos somos cidadáns do mundo, por iso aplaudo que contribúa a que vivamos nun mundo un pouco máis xusto.

O proceso contra Garzón podería considerarse como un plan fabricado pola dereita deste Estado. E iso acontece ao mesmo tempo que a dereita neocon, ultraconservadora, gaña terreo en toda Europa. Que consecuencias pode ter iso para as nosas sociedades, para esa xustiza universal á que vostede apela, e que consecuencias directas para nós tería un ascenso ao poder do Partido Popular, aliñado con estas políticas?

Teño que dicirlle que son unha persoa independente. E ao mesmo tempo podo asegurarlle que non vin en ningún momento, até agora, que o Partido Popular dese ningunha alternativa a todo aquilo contra o que arremente, nin desde o punto de vista ecónomico, nin desde o punto de vista estratéxico, nin desde o punto de vista do deseño para un porvir distinto ao que vivimos actualmente, nin nada. Hai ben pouco, nesta visión ultraconservadora, puñan de exemplo a Irlanda, era a privatización ao máximo, a globalización total. As dereita, as escolas de formación de economistas e de persoas relacionadas cos negocios tiñan os ollos no modelo irlandés, e agora ninguén a poría de exemplo. Pero é despois nos puxeron de exemplo ao señor Cameron no Reino Unido e xa se viu que non era o mellor camiño. A política do Partido Popular non podo aplaudila nin desprezala porque simplemente é descoñecida. En definitiva, o gran fracaso do Partido Popular é que nunca suporá unha alternativa ás medidas que adoptou o goberno. Por outra banda, temos que recoñecer que nestes momentos o acoso do mercado aos políticos é brutal. Isto acontece en España e tamén en todas partes do mundo e resulta altamente preocupante.

O noso sistema político é o mercado.

A min preocúpame moitísimo como as políticas sociais se recortan porque aqueles que rescatamos -ese foi o termo empregado, lembra?-, con diñeiro público, e evidentemente fálolle das institucións financeiras, agora toman o mando e din "agora vostedes para minguar o déficit, teñen que eliminar unha serie de medidas de carácter social". Todo iso hai que reformulalo con urxencia e dicirlle ao mercado: Xa está ben. O mercado ten que limitase e ten que regularse polo Estado. E ten que desaparecer esa vergoña dos paraísos fiscais.

O Estado tende a diluírse?

Non pode ser. En España, os que teñen posicións de ultradereita levan moitos anos dicindo "menos Estado e máis mercado". Eu digo un non rotundo. O mercado ten que estar sometido aos Estados democráticos. E o Estado democrático debe necesariamente ter un sistema de valores baseados na xustiza e na igualdade. Isto é o que ten prevalecer e non podemos seguir gobernados por un grupo de países ricos. Todo iso do G7, G8, G20, é un invento dos países ricos para someter os países menos prósperos. Todo iso ten que rematar. Hai que refundar as Nacións Unidas e dotalas dos medios necesarios para ter diante dun mundo plurar un sistema multilateral.

Confía en que iso chegue a suceder?

Si. Vai acontecer por unha razón que lle explicarei. Fíxese que preciosidade ese principio da Carta das Nacións Unidas, que non hai que esquecer que foi debida a un presidente norteamericano, Roosevelt, que fala dos pobos. A min non me cabe ningunha dúbida de que son os pobos agora os que tomarán as rendas do seu destino. Xa está ben de que teñamos que obedecer o que din sete, oito, ou vinte países. Eu quero unha gobernación mundial baseada en todos os países, grandes, pequenos e medianos, porque non hai ningún países suficientemente grande que non teña leccións que aprender nin país abondo pequeno que non teña leccións que dar. E, xa o verá, créame, os cidadáns deixarán de ser súbditos, deixarán de ser silenciosos e en cinco ou como moito dez anos o mundo dará un xiro absolutamente espectacular, será a caída da ditadura do mercado e dos países ricos.
Carai, adiánteme cal vai ser o proceso, contáxieme o seu optimismo, por favor.
Isto necesita madurecer, está claro. Pero fíxese que agora está moi claro que hai cada vez máis xente que está a pensar en dicir ‘Basta’. E que se decata, ademais, que non temos que esperar nada do G20 e que somo nós os que nos temos que movilizar e organizar. Hoxe temos os medios para facelo, temos as novas tecnoloxías que facilitan o proceso, temos a participación non presencial, o teléfono móbil, a videoconferencia, o correo electrónico.
Todo iso que describe –agás o das TICS, claro– xa o solicitaba o comunismo.
O comunista era un sistema baseado na igualdade, pero que se esqueceu da liberdade.

E este novo sistema do que fala terá ambas as dúas cousas?

Teremos un mundo que en lugar de ser unha plutocracia, un goberno dos ricos, será unha democracia.
Iso si que é revolucionario, unha auténtica democracia.
Si, aínda que en España houbo momentos en que estivo moi ben deseñada a democracia, onde houbo unhas políticas sociais moi interesantes. Porén, de momento, non se deixan pór en práctica, porque é o mercado o que manda. A nós ocorréusenos o disparate de rescatar con cartos públicos o mercado.

Na Declaración de Dereitos Humanos non figura a paz. Iso é unha declaración de intencións, non?

Pero esa declaración baséase precisamente na igual dignidade dos seres humanos e se basea na constitución da Unesco que di: Para que todos os seres humanos poidan ter unha igual dignidade é necesaria a xustiza. E engade: Non hai paz sen xustiza. Fíxese que o poder anunciou sempre: Se queres a paz, prepara a guerra, e nos pasamos a vida preparando a guerra. Nestes mesmos momentos estamos a invertir 4.000 millóns de dólares ao día en gastos militares. É unha barbaridade, temos que pasar a un sistema no que poidamos evitar a vergoña colectiva. Eu non sei como podemos conciliar o sono. Sabendo que todos os días morren de fame máis de 70.000 persoas non sei como logramos durmir. Non podemos seguir tolerando iso. O tempo dos súbditos concluíu. Até agora incluso demos a vida aos designios do poder, ás súas guerras. Penso que estamos a vivir momentos fascinantes, nos que o ‘basta’ dos cidadáns xa soa nos tímpanos. Quero lembrarlle que o primeiro párrafo do preámbulo da Declaración dos Dereitos Humanos di: Para liberar á humanidade do medo. E en segundo lugar engade: E se non fosen cumpridos estes artículos poderíanse ver compendidos á rebelión. É dicir, fíxese o fantástico desta declaración quen nos di: Oian, non aguanten vostedes demasiado. Ten que chegar un punto en que a paciencia se remate, e estamos cerca dese momento.

Nenhum comentário:

Postar um comentário