9 de dez. de 2010

Mayor Zaragoza anima a exercer o dereito á palabra e a escoita aos sen voz para provocar un cambio radical

Alfonso Bugueiro-. Federico Mayor Zaragoza, presidente da Fundación Cultura de Paz, conminou aos pobos que exerzan o seu dereito á palabra e que axuden aos xornalistas a escribir un mundo con maior conciencia global no acto de peche do Congreso Internacional de Información e Dereitos Humanos. Esta actividade pechouse onte coa presentación das conclusións dos grupos de traballo tras dúas xornadas de traballo desenvolvidas durante dous días na Facultade de Comunicación de Santiago de Compostela.

O ex director xeral da Unesco afirmou que a sociedade civil debe apoiarse nas tecnoloxías da comunicación para “dicir basta”. “Os cidadáns poden ser fontes de información, poden axudar aos periodistas a escribir o mundo tal e como ten que ser dende un punto alimenticio ou medio ambiental”, dixo perante dun auditorio que seguiu a súa disertación cun agarimoso silencio. Mayor Zaragoza animou as persoas, aos pobos do mundo, a ser actores no compromiso. “Téñennos distraidos”, comentou. Unha idea que atribuíu a súa presentadora, María Novo, quen destacou a personalidade “dun dos grandes intelectuais do noso tempo” e “un mestre da coherencia persoal dende a lucidez”.

Mayor Zaragoza demostrou “ter o corazón mirando ao sur”, como escribiu nun verso, ao denunciar a “plutocracia” na que os ricos tratan de gobernar. “Sáelles fatal porque non escoitan, porque non saben”, sentenciou. O presidente de Cultura de Paz reiterou a mensaxe de que a sociedade mundial ten que “escoitar aos países moi pequenos e moi pobres”. “Tódolos países teñen moitas leccións que aprender dos países que teñen que inventar diariamente”, dixo en alusión a eses estados sen voz,  rexeitados en grupos de decisión como o G-6, o G-8 ou o G-20, comentou con ironía.

En varios momentos do discurso, referiuse a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e a Carta da Terra, dous instrumentos que lexitiman a construción da paz para as xeracións vindeiras ante o “acoso” da política por parte do mercado. “O mercado está gañando a partida. Os que dixeron que os principios da democracia tiñan que estar fóra estaban equivocados; e que o mercado non cometía erros foi un disparate. O final da Guerra Fría non foi o que soñábamos”, engadiu con nostalxia.

Mayor Zaragoza criticou a educación que non “permite tempo” para que as persoas se desenvolvan segundo os seus intereses. Unha definición de educación que “nada ten que ver” coa educación que presentan os medios de comunicación. En referencia a recente publicación do Informe Pisa, afirmou que a educación impulsada por eses valores “non representa a educación da liberdade, de seres libres e responsábeis”.

O presidente da Fundación Cultura de Paz agradeceu o traballo de tódalas persoas que contribuíron dende distintos ámbitos a celebración do congreso, agradecemento que, entre outras, personalizou na figura dunha “persoa extraordinaria”, Gertrude Mongela, activista polos dereitos da muller presente no congreso e en quen simbolizou os rasgos que deben acompañar nese cambio radical que precisa a sociedade: “Gertrude é palabra, é escoita, é forza, é firmeza, é templanza”.

Nenhum comentário:

Postar um comentário