2 de dez. de 2010

Comunicación para a Paz: Está nas túas mans

Sábado 11 de decembro, de 10´30 a 13´30 na aula 24 de Económicas, e de 16h a 18h na entrada desta Facultade.
Trátase dun obradoiro levado a cabo por alumnado do IES Pedra da Auga de xeito cooperativo con alumnado do IES Luis Seoane de Pontevedra. Os asistentes terán a oportunidade, o sábado pola mañá, de iniciarse nunha das seguintes línguas, á súa elección: árabe, indonesio, turco e ruso.

A metodoloxía é a mesma para todas elas, baseada no emprego de xestos internacionais como ferramenta didáctica. Posteriormente, e xa pola tarde, poderán practicar as habilidades lingüísticas adquiridas, na entrada á Facultade de Económicas. Neste lugar está situado o espazo de Economía Solidaria e Desenvolvemento Sustentable, no que o alumnado escenificará un mercado solidario multilingüe. Os asistentes poderán mercar unha ampla variedade de produtos empregando a lingua que escolleron pola mañá.
Estas actividades realízanse no marco do proxecto Linguapax das Escolas Asociadas á UNESCO, rede mundial de 8.000 escolas á que pertencen os dous centros educativos. O proxecto Linguapax baséase no fomento de valores humanos e educación para a paz a través do ensino de línguas.

Para máis información, pódense visitar os seguintes enlaces:
http://multiling.yogote.net/ (páxina de referencia do proxecto “Multilingüismo nas túas mans”)
http://centros.edu.xunta.es/iespedradaauga/?q=category/5/64/65 (acceso a cursos de iniciación en 22 línguas distintas usando unha mesma metodoloxía baseada nos xestos internacionais YoGoTe)
www.yogote.net (web de referencia para os xestos internacionais)
http://centros.edu.xunta.es/iespedradaauga/?q=node/363 (videos, reportaxes televisivas e notas de prensa sobre a actividade “Global Market” realizada no IES Pedra da Auga durante o curso pasado.

Nenhum comentário:

Postar um comentário