12 de dez. de 2010

A música amansa ás feras

Jéssica Mouzo-. O corazón do Campus Norte bateu de cheo ó son dos bombos e tambores dos rapaces de Tocándar.

Da man de trinta e tres estudantes portugueses e baixo a batuta –ou os saltos ou os berros- do seu mestre, Paulo, este – cando menos particular-  grupo musical fixo abombar coa súa percusión todo o espacio físico do Foro 2010 Compostela.

Como parte dunha das actividades autoxestionadas do Foro Mundial de Educación, os músicos plantáronse diante da Facultade de Económicas para facer unha orixinal actuación ó aire libre; unha iniciativa pedagóxica que potencia e desenvolve, por exemplo, as dinámicas de grupo.

“Non estamos financiados por ningunha entidade pública. Co que gañamos nos concertos, mantemos ó grupo”, sentenciaba o xefe da banda a tódolos presentes congregados ás portas de económicas. Xa pasaron por esas baquetas máis de setecentos mozos e mozas que fixeron saltar dos asentos a milleiros de persoas e que, agora, xeracións despois, chagan a montar foliada no FME.

Con cancións tradicionais cun contrapunto festeiro e dinámico como carta de presentación e baixo o lema “Não há festa sem bombos”, o equipo conseguiu crear un ambiente participativo onde o público formou parte activa do espectáculo e o bo humor innundou os arredores.

Sen menospreciar os congresos, conferencia e charlas que se acostuman a ver nesta clase de encontros, Tocándar decidiu avogar por unha alternativa arriscada e rompedora pero que,  no fondo, todo o mundo pode acabar precisando: un break, un kit-kat, un momento de evasión e de protesta para berrar e rabear por todo o que consideramos inxusto ou nos fai sentir mal.

Tocándar bate nos seus bombos para protestar e tira das súas gaitas para espertar ós que aínda seguen durmindo a pesar do panorama que hai máis alá das sabas. 

Sen máis, éxito de Tocándar no FME: polo talento dos seus novos músicos e pola calidade e importancia da pequena gran labor que fan cada vez que un dos rapaces ou rapazas bate un deses bombos.

Bravo Tocándar.

Nota: grazas polo título, María B. Mellor, imposible.

Nenhum comentário:

Postar um comentário