5 de dez. de 2010

De verdade queremos salvar ó continente africano?

Jessica Mouzo-.“Ser pobre e con recursos naturais é o escenario ideal para o clienterismo e a corrupción”. Con estas palabras sentenciaba a súa exposición o director xeral de Casa África, Ricardo Martínez, na conferencia “Camiños de Paz e de diálogo” que tivo lugar esta mañá no marco do Foro 2010 Compostela.

Acompañado das representantes de Casa América, Julia Escobar, e Casa Árabe, Cristina Pensado, Martínez conseguiu arrancar a ovación máis entusiasta dos asistentes. A pesar da concreción e a franqueza coa que falaron as súas “colegas” -Escobar explicando o compromiso especial cos países iberoamericanos e Pensado defendendo a idea de romper a “visión monolítica e uniforme do mundo árabe”-, o discurso de Ricardo Martínez puxo de manifesto o verdadeiro sentido do Foro 2010 Compostela: destapar e buscar solucións ás problemáticas do mundo actual para acada unha verdadeira cultura de paz.

Ideas claras, palabras firmes e un convencemento manifesto foron as premisas básicas para facer retumbar de palmas o salón de conferencias da Fundación Araguaney. Martínez comezou a súa intervención cunha sentencia firme: “ África é o continente máis rico do planeta, en recursos humanos e materiais”. E partindo desta base, arrancou a súa ponencia.

O representante de Casa África non dubidou en facerse esa pregunta incómoda que todos pensaron algunha vez e ninguén dixo en alto: de verdade queremos salvar ó continente africano? Pondo de exemplo o feito de que a África se lle prometeron 78.000 millóns de euros en dez anos e a Irlanda se lle deron, nun día, 80.000 millóns para rescatala da crise económica, a cuestión deixouna máis que resposta.

As louvanzas a ese gran continente esquecido estiveron presentes en todo momento; o conferenciante destacou os puntos máis positivos da comunidade africana, como un exemplo de respecto e transixencia intercultural, “un crisol de culturas que conviven con tolerancia entre elas” e, ó mesmo tempo, non tivo piedade co sentir da sociedade occidental e optou por botar o dedo na chaga para tentar facerlles ver ós oíntes a verdadeira realidade que se está a vivir: “o que lle sacamos en recursos é o dobre do que lle devolvemos en axudas para limpar as nosas conciencias, aínda que agora, xa non sei se conseguimos limpalas”.

O titular de Casa África avogou por axudar ó continente africano a “recuperar o liderado ético e moral para logo transformalo en político” e esixiu rematar coas “etiquetas que puxo o colonialismo”, ó tempo que fixo un chamamento á sociedade occidental para “movilizarse” e conseguir que “se escoite a voz de África”.

“Si deixamos que os africanos tomen as rendas, África terá futuro”. Ricardo Martínez defendeu todos e cada un dos principios básicos polos que se rexía a Casa á que representaba e acabou, en última instancia, por describir, da forma máis sinxela e comprensible posible, o leitmotiv que configura o sentido e o camiño deste Foro 2010.

Nenhum comentário:

Postar um comentário