O ex-director da UNESCO Federico Mayor Zaragoza ou a presidenta do Parlamento Panafricano, Gertrude Mongella, serán algúns dos poñentes das conferencias.
O auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da capital galega será o encargado de acoller, durante o 7 e 8 de decembro e no marco do Foro 2010 Compostela, o Congreso Internacional sobre Información e Dereitos Humanos. O evento está organizado pola Fundación Ciencias de la Documentación e a Fundación Cultura de Paz, co asesoramento da Asociación Pro Derechos Humanos de España e ten como obxectivo pór de manifesto a importancia do dereito e acceso á información e o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para a defensa e promoción dos Dereitos Humanos.
Máis de dez expertos chegados de todas partes do mundo serán os encargados de dirixir o evento durante os dous días que duran as conferencias e as sesións plenarias organizadas. Entre os palestrantes contarase coa presenza de persoeiros da talla do ex-director xeral da UNESCO, Federico Mayor Zaragoza, da presidenta do Parlamento Panafricano, Gertrude Mongella, ou do Presidente do "Institut des Droits de l'Homme et de Promotion de la Démocratie" de África, Maurice Glele Ahanhanzo.
Baixo o lema “A información é un dereito de todos e para todos”, o Congreso xirará en torno a tres eixos temáticos ben diferenciados: Información e Dereitos Humanos, Información e Educación e Manipulación da Información. Con todo, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación e a Alfabetización Dixital e en Información tamén estarán presentes dentro dos tres puntos temáticos nos que se desenvolve o devandito acto.
Con estas conferencias preténdese, en última instancia, estimular a colaboración e o intercambio de ideas e experiencias entre profesionais multidisciplinares de todo o mundo interesados na información de ámbito público e na súa contribución á defensa e promoción dos Dereitos Humanos. Do mesmo xeito, quérese impulsar a participación incluínte dos diferentes actores involucrados na defensa e promoción dos Dereitos Humanos na discusión, impulso, elaboración e seguimento, apoiado no uso das TIC, das iniciativas e accións relacionadas cos ámbitos da saúde, os servizos sociais, a infancia, a inclusión social, o desemprego, a educación, o medio ambiente e a muller entre outros.
O auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación acollerá esta acontecemento como parte das iniciativas que se levarán a cabo no mes de decembro no marco do Foro 2010 Compostela, un encontro promovido polo Seminario Galego de Educación para a Paz e a Fundación Cultura de Paz, e entendido como un contedor de eventos e actividades a nivel mundial que xiran arredor da Cultura da Paz e que conta, ademais, co auspicio das Nacións Unidas e da Unesco entre outras organizacións internacionais.
Os interesados en asistir ó Congreso de Información e Dereitos Humanos deberán inscribirse previamente na páxina web do Foro 2010 - www.foro2010.org – antes do 21 de novembro. De tódolos xeitos, durante os días nos que se desenvolverán as conferencias, poranse a disposición dos máis rezagados, un mostrador preto do Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación para que poidan apuntarse ó instante e asistir ó evento.
Nenhum comentário:
Postar um comentário